lunes, 1 de diciembre de 2014

Un gol na recta final mantén a racha de vitorias da U.D.Ourense

Santi celebra o gol do triunfo. Foto Iñaki Osorio (Faro de Vigo)

Houbo que sufrir nos Remedios para derrotar ao Sporting Carballiño (2-1). Os visitantes demostraron que son uns dos favoritos ao ascenso e venderon moi cara a súa derrota. Mantivéronse ben organizados en defensa e intentaron lanzar contras por medio dos seus rápidos xogadores da liña atacante.

O primeiro aviso deuno o visitante Champi chutando cerca do longueiro da portería defendida por Cristian. Despois o Ourense xa se fixo co dominio do partido, creando varias ocasións de gol a pesares da boa organización defensiva visitante.


A forza de rondar a área carballinesa chegou o gol de Lucas Nieto sobre a media hora de xogo. O lateral esquerdo adiantara a súa posición nun movemento táctico de Antonio Dacosta, que retrasou a lateral dereito a Cristian Fernández, cambió da dereita á esquerda ao lateral Julio Álvarez, o que motivou o pase de Lucas ao extremo esquerdo. Nesa posición non fallou coa súa cita co gol aproveitándose dun rexeite do porteiro visitante tras remate de Roberto Almeida.

O máis difícil parecía feito, romper a ordenada defensa do Sporting. Sen embargo os visitantes gozaron de tres ocasións consecutivas tras o gol local. En dúas ocasións Cristian salvou o gol pero a terceira nada puido facer ante chut dende a frontal de Anxo. Outra vez habería que romper o férreo entramado defensivo visitante para lograr a undécima vitoria.

E non foi doado rachalo. A segunda metade foi unha continúa busca do gol por parte da Unión Deportiva Ourense. Dominio absoluto pero con poucas ocasións claras de gol. Antonio Dacosta deu entrada no terreo de xogo ao único dianteiro dispoñible, Santi. O xogador do Ribeiro foi o encargado de derribar o muro carballiñés no minuto 83. Un gol que premiou a constancia dos ourensanistas. Importante tanto que lle permite ao Ourense seguir como líder, manter a racha de vitorias e deixar ao cuarto clasificado a doce puntos.

Non foi o mellor partido da Unión, pero o rival tamén xoga, e nesta ocasión o Sporting Carballiño fixo un gran traballo. Seguro que ao longo da tempada haberá partidos tan complicados como este, pero seguindo traballando como ante o Sporting Carballiño sempre é posible acadar a vitoria.

Pola Unión Deportiva Ourense xogaron: Cristian; Julio Álvarez, Xurxo, Ramón Dacosta, Lucas Nieto; Valderas (Fran Álvarez, 56´), Diego Soto; Cristian Fernández (Víctor, 67´), Roberto Dacosta (Santi, 60´), Xaco e Roberto Almeida (Fabio, 84´).

GOLES:

1-0 (30´): Lucas Nieto
1-1 (35´): Anxo
2-1 (83´): Santi


No hay comentarios:

Publicar un comentario