sábado, 28 de marzo de 2015

A por outra vitoria en Castrelo

Partido da primeira volta. Foto Iñaki Osorio (Faro de Vigo)
A Unión Deportiva Ourense xoga este domingo a partires das cinco da tarde ante o Castrelo de Miño no campo de Macendo. Os ourensanistas viaxan na procura dunha nova vitoria que os acerque ao pleno de triunfos.

O partido xogarase no campo de Macendo (preme neste enlace para ver como se chega), unha parroquia do concello de Castrelo de Miño. Un terreo de xogo de terra que esixirá toda a atención dos homes de Antonio Dacosta para non verse sorprendidos. O Castrelo de Miño leva dous partidos seguidos empatando na casa: deu a sorpresa ante o Ribadavia At. (1-1) pero foi incapaz de superar ao Piñor (1-1). A semana pasada perdeu en Barra de Miño por 3-0.

miércoles, 25 de marzo de 2015

Convocatoria Asamblea Xeral Extraordinara para o día 9 de abril

Por acordo da Xunta Directiva da Unión Deportiva Ourense convócase para o dia 9 de abril de 2015, ás 20,00 horas en primeira convocatoria e 20,30 horas en segunda na Casa de Chocolate (Avda. da Habana, 79), Asamblea Xeral Extraordinaria de socios co seguinte

ORDE DO DÍA
1.- Ratificación do nomeamento de Antonio Dacosta como directivo
2.- Modificación Estatutos
3.- Aprobación Regulamento electoral
4.- Convocatoria eleccións
5.- Propostas socios
6.- Rolda libre de intervencións

As modificacións dos Estatutos do club propostas pola Xunta Directiva son as seguintes:
1.- As condicións e formas de admisión de novos abonados e acordar a contía da cota que deberán de satisfacer os abonados pasa a ser competencia da Asamblea Xeral e non da Xunta Directiva. Hai que modificar o artigo 28.d) e o art. 31.g).
2.- Eliminar a esixencia recollida no artigo 29 de que a Xunta Directiva teña que estar constituida por un número impar de membros.
3.- Regular o destino da parte da couta social que non se destina a pagar o abono, neste caso 70 € dos 100 € pagados polos socios. Engadiríase un punto 3 ao artigo 44:
3.- A parte da couta anual pagada polos socios que resulte de restar o prezo do abono anual pasará a formar parte dun fondo de reserva que será empregado do xeito que determine a Asamblea Xeral de socios.
Lembrar que os socios poden enviar propostas para ser debatidas e sometidas a votación na Asamblea. Ditas propostas deberán presentarse como mínimo  con cinco días naturais de antelación á celebración da Asamblea e serán enviadas ao correo electrónico uniondeportivaourense@gmail.com.
Así mesmo lembrar que poden acudir a Asamblea con voz e voto os socios maiores de 16 anos que estén ao corrente de pago da couta social, debendo presentar o Documento Nacional de Identidade (DNI) para poder acceder á mesma. Por último recordar que un socio pode representar a outro presentando escrito de autorización e copia do DNI do representado.

sábado, 14 de marzo de 2015

Chega o Barra de Miño ao Couto

Na primera volta 0-4 para o Ourense. Foto Iñaki Osorio (Faro de Vigo)

Aínda metidos na celebración do merecido ascenso á 2ª Autonómica chega ao Couto o C.D.Barra de Miño, un histórico do fútbol ourensá que loita pola terceira praza que da dereito ao ascenso de categoría.  O partido xogarase ás cinco da tarde do domingo.

Esperase un bo ambiente no campo do Couto. Os nosos xogadores ben merecen o recoñecemento e o aplauso da afección despois do ascenso conseguido. Co apoio dos seareiros intentarán acadar outros obxectivos, como son o campionato, o pleno de vitorias e a Copa Deputación B.

O primeiro obstaculo cara estes obxectivos será un Barra de Miño que chega en boa forma despois de encadear oito partidos consecutivos sen coñecer a derrota, dos que gañaron sete e empataron un. Unha gran xeira de resultados que intentará rachar a Unión Deportiva Ourense.

No partido da primeira volta os ourensanistas conseguiron un triunfo máis cómodo do previsto ao gañar no Tato por 0-4, con tres tantos antes do descanso, con goles de Roberto Almeida, Lucas Nieto, Xaco e Ramón Dacosta.

Antonio Dacosta non poderá contar para este partido con Roberto Almeida, quen sufriu un esguince de nocello o venres. Tampouco estarán por motivos de traballo Dani Malvido e o porteiro Cristian (polo que repetirá na convocatoria o porteiro cadete Juan), mentras que José Ángel segue coa súa recuperación.

Xa que logo a convocatoria estará integrada polos seguintes homes: Alberto, Adolfo, Cristian Fernández, Diego Soto, Fran Álvarez, Héctor, Juan, Julio Álvarez, Julio Salgado, Lucas Nieto, Ramón Dacosta, Roberto Dacosta, Santi, Valderas,  Xaco e Xurxo.

O once inicial máis probable sería o formado por Héctor na portería; Julio Álvarez e Lucas Nieto nos laterais, Xurxo e Ramón Dacosta (que regresa ao once inicial) na defensa; Fran Álvarez e Diego Soto no centro do campo; Xaco, Roberto Dacosta e Adolfo na mediapunta e Julio Salgado como punta de lanza. No banco esperarán a súa oportunidade o porteiro Juan, Alberto, Cristian Fernández, Valderas e Santi.

Animar a todos os ourensanistas a acudir ao estadio do Couto a celebrar o ascenso de categoría.

sábado, 7 de marzo de 2015

A polo ascenso ante o Piñor

Foto Iñaki Osorio - Faro de Vigo

A Unión Deportiva Ourense pode lograr o ascenso se vence o sábado a partires das 17,00 horas ao Piñor no campo Outeiro Grande de Maside. Deste xeito lograríase o primeiro gran obxectivo da tempada, que non é outro que lograr o ascenso á 2ª Autonómica. Un obxectivo que se pode conseguir con sete xornadas de antelación sobre o final de tempada.

Con esta ilusión achegaranse os homes de Antonio Dacosta ata Maside xa que o Piñor non dispón dun campo no seu concello. Para elo o adestrador ourensanista repite convocatoria con respecto ao partido ante o Salamonde, co único troco de Fabio por Roberto Almeida, que non pode acudir a este partido por motivos persoais. Xa que logo os 16 homes convocados son: Adolfo, Cristian, Chechu, Diego Soto, Fabio, Fran Álvarez, Héctor, Julio Álvarez, Julio Salgado, Lucas Nieto, Ramón Dacosta, Roberto Dacosta, Santi, Valderas, Xaco e Xurxo. Polo que a alineación será moi similar á que goleou ao Salamonde no Couto.

Na primeira volta o Piñor chegaba aos Remedios situado na zona media da táboa, sen embargo sairon goleados por 7-1, chegando xa ao descanso cun contundente 5-0 no marcador. Partido de claro color ourensanista no que destacou Xaco con tres goles. Dende aquela o Piñor encadeou unha racha de dez partidos consecutivos sen gañar, con nove derrotas en un empate, o que o levou a ocupar o penúltimo posto da clasificación.

Esperemos poder celebrar o primeiro ascenso da historia da Unión Deportiva Ourense no Outeiro Grande de Maside.


lunes, 2 de marzo de 2015

Nova vitoria que deixa o ascenso a tres puntos

Os máis pequenos no palco do Couto. Foto Jesús Regal (Faro de Vigo)

A Unión Deportiva Ourense venceu por 5-0 ao Salamonde, o que unido ao empate do Spórting Carballiño ante o Ribadavia Atlético (5-5) deixa o ascenso a tiro de pedra. Unha vitoria dos ourensanistas a próxima fin de semana ante o Piñor en Maside confirmaría de xeito matemático o ascenso á 2ª Autonómica, o primeiro obxectivo para esta tempada.

Polo que respecta ao partido de onte ante o Salamonde cumpliuse o guión esperado. Os homes de Antonio Dacosta dominaron de cabo a rabo o partido ante un equipo visitante que estivo ben plantado en defensa intentando encaixar os menos goles posibles.

O partido xa quedou encarrilado na primeira metade con tres goles. Aos 14 minutos inaugurou o partido Xurxo ao rematar de cabeza unha falta botada por Roberto Dacosta. Antes da media hora foi Adolfo o que batiu a Alfonso tras un centro dende a dereita de Xaco. Pechou o marcador nesta primeira metade Julio Salgado ao aproveitarse dun erro defensivo dos visitantes no minuto 34. Na segunda metade Chechu e Roberto Dacosta de falta directa redondearon o marcador.

Un pasiño máis que xa deixa o ascenso a un partido, e que permite seguir soñando co pleno de triunfos. A próxima fin de semana temos unha cita coa historia en Maside. Se logramos vencer ao Piñor celebraremos o primeiro ascenso da nosa historia.

Alineación da U.D.Ourense: Cristian; Julio Álvarez, Xurxo, Ramón Dacosta (Roberto Almeida, 46´), Lucas Nieto; Fran Álvarez (Valderas, 56´), Diego Soto; Xaco (Chechu, 59´), Roberto Dacosta, Adolfo e Julio Salgado (Santi, 56´).

GOLES:

1-0 (14´) Xurxo
2-0 (26´) Adolfo
3-0 (34´) Julio Salgado
4-0 (68´) Chechu
5-0 (85´) Roberto Dacosta

domingo, 1 de marzo de 2015

Previa do partido ante o Salamonde

Xaco anota o 1-3 no partido de ida. Foto Iñaki Osorio - Faro de Vigo

A Unión Deportiva Ourense afronta a xornada número 20 co obxectivo de manter o pleno de triunfos ante o Salamonde. De conseguir unha nova vitoria estarían a piques de pechar o ascenso á 2ª Autonómica, o primeiro obxectivo desta primeira tempada na historia da Unión Deportiva Ourense.

O Salamonde chega a cita do Couto inmerso nunha mala xeira de resultados. Dos últimos seis partidos perdeu cinco e tan só lle gañou a Os Chaos por 1-4. Esta serie de derrotas deixan ao Salamonde na undécima plaza da clasificación empatado a puntos con Razamonde e Castrelo de Miño. Lonxe do seu campo da Lamela gañaron 3 partidos (Castrelo de Miño, Razamonde e Os Chaos) e perderon 6.