viernes, 22 de mayo de 2015

A remontar ante o At. Arnoia: xuntos podemos


Entre todos a pola remontada
O sábado dende as 19,00 horas a Unión Deportiva Ourense afronta, quizáis, o partido máis importante da súa curta historia. Terá ante si a difícil misión de remontar o 1-0 encaixado na ida en Arnoia para lograr unha histórica clasificación para a final da Copa Deputación B. O que sería todo un éxito tratándose dun equipo de inferior categoría con respecto a todos os rivais que tivo ata o de agora.

Aínda que o gran obxectivo da tempada, o ascenso a 2ª Autonómica, xa está no peto, disputar a final da Copa Deputación no campo do Couto (a nosa casa) na primeira tempada da nosa historia e un reto moi bonito que todos os ourensanistas queremos acadar.

Non será fácil. O Atlético Arnoia, vixente campión do torneo, demostrou na ida que é un equipo forte, compacto e moi difícil de superar. Na Queixeira lograron unha vitoria por 1-0 que agora haberá que remontar no Couto, onde o apoio dos seareiros ourensanistas será vital para logralo.

viernes, 15 de mayo de 2015

O sábado a Supercopa contra o Raio Alaricano


A Unión Deportiva Ourense ten a posibilidade de conquistar o seu segundo título da tempada. Disputará a Supercopa de 3ª Autonómica contra o campión do grupo 12, o Raio Alaricano. Será a primeira vez que se dispute este trofeo, auspiciado pola Delegación en Ourense da Federación Galega de Fútbol, e enfrontará a dous novatos no fútbol provincial, xa que ambos debutaron (con absoluto éxito) nesta tempada.

Os alaricanos foron claros campións do grupo 12 con seis puntos de vantaxe sobre o Carballeira, que xunto ao Vilardebós acompañarán aos alaricanos á 2ª Autonómica. De 20 partidos tan só cederon dous empates e dúas derrotas, o resto vitorias. Na Copa da Limia, disputada despois de finalizada a liga, caeron en semifinais ante o Allariz B na tanda de penaltis. Trátase dun moi bo equipo que virá ao Couto con moita ilusión de levarse a copa para Allariz.

Á falta do adestramento do venres Antonio Dacosta ten varias baixas no equipo. Xaco (mancado no partido ante o Loureiro), Adolfo con molestias e Fabio por motivos persoais non estará na final. Hoxe comprobarase o estado dos demais xogadores para facer a convocatoria. O once máis probable sería o formado por Héctor na porta; Julio Álvarez, Xurxo, Ramón Dacosta e Lucas Nieta na defensa; Valderas e Diego Soto na medular e Chechu, Roberto Dacosta, Roberto Almeida e Julio Salgado na vangarda.

sábado, 9 de mayo de 2015

A polo pleno ante o Loureiro

Na primeira volta vitoria por 0-9

A Unión Deportiva Ourense está a un paso de facer historia. Primeiro foi o ascenso, despois o campionato e agora pode chegar o pleno: gañar os 28 partidos da Liga. O derradeiro obstáculo é o C.F. Loureiro. O domingo dende as 17,00 horas todos os ourensanistas temos unha cita coa historia.

Conseguir o pleno de triunfos sería a mellor homenaxe que se lle podería facer a Club Deportivo Ourense. Os bermellos xa lograron un pleno histórico. Foi na tempada 1967-68 cando gañaron os 30 partidos de liga no campionato de 3ª división. Unha xesta que se pode repetir gañando ao Loureiro no Couto. As categorías non son comparables pero en ningunha é doado facer un pleno de vitorias, calquera despiste pode acabar coa racha e hai que manter un nivel moi alto de concentración en tódolos partidos, algo que estos bravos xogadores da Unión Deportiva Ourense están a facer ao longo de todo o campionato.