jueves, 30 de abril de 2015

Dura fin de semana con visitas a At. Arnoia e Palmés

Imaxe da visita do Palmés ao Couto (Foto Carlos Domarco - Galiciadeportiva)

O calendario empínase para a Unión Deportiva Ourense. O que podíamos chamar o noso "Tourmalet" particular iníciase o venres, día 1 de maio, co partido de ida das semifinais da Copa Deputación B que se xogará a partires das 17,15 horas no  campo da Queixeira, ante o Atlético Arnoia; e que rematará o domingo, día 3 de maio, coa visita ao Cruceiro, onde espera o C.D.Palmés dende as 18,00 horas.

Dous compromisos durísimos nos que será necesario, máis que nunca, o apoio dos nosos seareiros. En menos de 48 horas xogarémonos obter un bo resultado na Copa para tentar clasificarnos para a final do Couto e manter as opcións de gañar todos os partidos da liga, emulando a Club Deportivo Ourense.

Comezando polo máis próximo, o partido ante o Atlético Arnoia será de máxima dificultade. Os do Ribeiro marchan cuartos no seu grupo da 2ª Autonómica, aínda que non están na loita polo ascenso debido a que Peroxa, Francelos e Maside escapáronse dende as primeiras xornadas. No seu campo de terra da Queixeira móstranse coma un equipo moi potente, onde tan só perderon tres partidos (Peroxa, Francelos e At. Velle).

miércoles, 29 de abril de 2015

Elixe ao xogador do mes de abril

Adolfo foi o gañador do mes de marzo. Foto Iñaki Osorio (Faro de Vigo)

O mes de abril deixounos cinco partidos. A emocionante eliminatoria copeira ante o Peroxa, líder de 2ª Autonómica, e tres partidos de liga. Na Copa eliminamos ao Peroxa por un global de 4-1, cunha exhibición no Marco (0-4) e a primeira derrota en partido oficial na volta por 0-1. E na liga sumamos tres novas vitorias: 7-0 ante o Cenlle, 1-2 ante o Sp. Carballiño e 2-0 ante o Parada do Sil.

Os xogadores propostos para a votación deste mes son:

CHECHU: Só anotou un gol ante o Cenlle. Pero ante a baixa de Julio Salgado na eliminatoria de Copa erixiuse nun coloso ante o Peroxa, sobre todo na ida. No resto de partidos vaciouse totalmente, deixando mostras dunha entrega e loita sen límites. Ademáis de atacar e incordiar aos defensas rivais tamén se emprega con tesón en labores defensivas.

DIEGO SOTO: O medio volveu a ser o punto de refencia dos seus compañeiros. Movendo o equipo con maestría, levando sempre o partido ao ritmo máis axeitado para o equipo, foi clave no partido de ida da Copa na Peroxa, xogándose sempre como él quixo. É o faro que guía o atractivo e efectivo xogo da Unión Deportiva Ourense.

FRAN ÁLVAREZ: O centrocampista estivo sensacional no partido de ida da Copa na Peroxa. Sendo vital a súa labor no centro do campo. E ante o Sporting Carballiño conseguiu o gol do triunfo no tempo de desconto, o que permitiu cantar o alirón nese partido e seguir coa ilusión do pleno de triunfos. Ademáis de control no medio aporta chegada á área rival.

HÉCTOR: O porteiro menos goleado da categoría disfrutou dun mes fantástico. Nos dous partidos ante o Peroxa estivo moi seguro, transmitindo unha gran tranquilidade ao equipo. E no Carballiño parou un penalti cando o marcador sinalaba empate a cero, o que foi clave na vitoria en Espiñedo. Un xogador que vai a máis.

JULIO ÁLVAREZ: O lateral está en plena forma. Un portento físico que se mantén firme en defensa, onde é casi imposible de superar, e que se suma ao ataque con moito sentido, seu foi o centro que serviu para que Julio Salgado abrira o marcador ante o Parada de Sil. Quizais atravesa o seu mellor momento da tempada.

RAMÓN DACOSTA: Como sempre un seguro na defensa. Na eliminatoria de copa foi dos máis destacados en ambos partidos, controlando aos perigosos atacantes do Peroxa. E en Carballiño a súa saída ao campo na segunda metade, onde xogou como centrocampista, foi clave na vitoria. Os seus pases en longo cara os extremos e os seus lanzamentos de falta acabaron coa resistencia do Sporting.

domingo, 19 de abril de 2015

A polo título ao Carballiño

Santi celebra o gol do triunfo na primeira volta. Foto Iñaki Osorio - Faro de Vigo
A Unión Deportiva Ourense ten unha nova cita coa historia. Gañando hoxe en Espiñedo ao Spórting Carballiño acadará o primeiro campionato da súa curta vida. O partido comezará as 18,00 horas.

Con esa ilusión viaxan os homes de Antonio Dacosta. Pero non o terán fácil, nin moito menos. O Spórting Carballiño tamén se xoga moito no encontro. Están pelexando pola terceira praza que da dereito ao ascenso de categoría en dura pugna con Barra de Miño e Ribadavia Atlético.

Ademáis no partido da primeira volta, o último que se xogou nos Remedios, venderon moi cara a súa derrota. Un gol no tramo final do partido de Santi deu o triunfo á Unión Deportiva nun dos partidos máis complicados da tempada. 

sábado, 4 de abril de 2015

A certificar o pase ás semifinais da Copa

Foto Yedra Seara

Despois do 0-4 acadado na Peroxa a Unión Deportiva Ourense está a un paso de meterse nas semifinais da Copa Deputación B. Bastaralle con manter o partido baixo control esperando que pase sen sobresaltos. Seguro que o Peroxa virá ao Couto coa intención de mostrar unha mellor imaxe que no partido de ida, e intentar, alomenos, romper a racha de triunfos dos ourensanistas, que contan por triunfos todos os partidos oficiais disputados ata o momento.

Para afrontar o partido de volta Antonio Dacosta tan só realizará unha variación no equipo que marabillou co seu xogo no campo do Marco. Valderas entrará por Fran Álvarez, cunha leve sobrecarga, que tampouco entra na convocatoria, sendo o seu lugar ocupado por Fabio. O resto os mesmos que xogaron na Peroxa: Hector; Julio Álvarez, Xurxo, Ramón Dacosta, Lucas Nieto; Valderas, Diego Soto; Xaco, Roberto Dacosta, Adolfo e Chechu. No banco estarán Juan, Alberto, Fabio, Roberto Almeida e Santi.

O partido comezarás as 17,30 horas do domingo.

viernes, 3 de abril de 2015

Xa podedes elexir ao Xogador do mes de marzo


Nesta ocasión son seis os candidatos entre os que podedes escoller: Adolfo, Diego Soto, Fran Álvarez, Julio Álvarez, Julio Salgado e Ramón Dacosta.

ADOLFO: O capitán ourensanista foi, unha vez máis, peza destacada nos partidos disputados durante o mes de marzo. Anotou tres goles, un deles o segundo e decisivo tanto ante o Caldelao que supuña a remontada do gol visitante. Xogou os cinco partidos neste mes.

DIEGO SOTO: O faro da Unión Deportiva Ourense guiou ao equipo nos partidos do mes de marzo. Só descansou 45 minutos ante o Castrelo de Miño, xa co partido resolto. A súa batuta foi clave nos triunfos ourensanistas. Diego Soto marca o ritmo dos partidos.

FRAN ÁLVAREZ: O mediocampista tamén estivo presente nos cinco partidos de marzo. Ademáis da súa gran labor no centro do campo tamén sumou no aspecto goleador con dous tantos, ante o Piñor no partido do ascenso e abrindo a conta en Castrelo de Miño.

JULIO ÁLVAREZ: O lateral dereito segue realizando unha gran tempada, mantendo unha impresionante regularidade. Xogou completos os cinco partidos demostrando estar nunha gran forma. A defensa ourensanista ten un seguro de vida na banda dereita.

JULIO SALGADO: O dianteiro ourensanista xogou catro dos cinco partidos deste mes. Tan só se perdeu o partido ante o Castrelo de Miño por lesión. Nos catro partidos que disputou non faltou a cita co gol, anotando un en cada partido, o que demostra que estamos ante un goleador moi regular.

RAMÓN DACOSTA: O central unionista segue a ser un seguro de vida na defensa. Estivo presente en tres dos cinco partidos, onde deixou claro a súa calidade e liderazgo na zaga ourensanista. Non puido estar no partido do ascenso por motivos personais e descansou ante o Castrelo para chegar a pleno rendemento na Copa.

jueves, 2 de abril de 2015

Primeiro asalto copeiro ante o Peroxa


O xoves santo será testemuña do partido de ida dos cuartos de final da Copa Deputación B entre o Peroxa C.F. e a U.D.Ourense. Os homes de Antonio Dacosta terán a proba máis esixente da tempada ante o líder destacado, e case ascendido á 1ª Autonómica, do grupo noveno da 2ª Autonómica. Dos 28 partidos disputados tan só perdeu dous e empatou outros dous, os catro a domicilio. Anotaron 95 goles, encaixando 29. No seu campo do Marco mostranse intratables con 13 vitorias en 13 partidos no campionato de liga.

Na Copa tamén están arrasando. Na primeira eliminatoria machacaron a Os Chaos por 1-18. Na seguinte rolda golearon ao Barra de Miño no Marco por 5-0 e na última gañaron ao Arrabaldo a domicilio por 0-3. Uns números que impresionan e que lle dan ao Peroxa a vitola de favorito nesta eliminatoria.