domingo, 21 de diciembre de 2014

Voltamos ao Couto recibindo ao Palmés

Voltamos ao Couto, a nosa casa

Volve o fútbol ao Couto, e como non podía ser doutro xeito, da man da Unión Deportiva Ourense. O acontecemento terá lugar o domingo 21 de decembro a partires das 16,00 horas e o invitando a tan magno acontecemento será o Clube Deportivo Palmés.

Tras moitos meses de loita conseguiuse que a Unión Deportiva Ourense poida xogar no Couto ante os seus afeccionados. Todo un agasallo de Nadal. Polo de agora dun xeito provisional, pero esperemos que pronto se asine o acordo que permita xogar no estadio do Couto de forma definitiva.


Será un partido moi especial. Ademáis de celebrar o regreso ao Couto, estrearanse as equipacións oficiais e serán presentados os equipos das categorías inferiores do clube. A verdade é que non faltan motivos para acudir ao Couto a disfrutar deste partido.

Toca disfrutar do momento no partido ante o Palmés. Que non é un rival calquera. Son o segundo clasificado a tan só dous puntos da Unión Deportiva Ourense, polo que mañá está en xogo o liderado do grupo. De 12 partidos gañaron 11, deixando escapar tan só un empate no Xestal ante o Ribadavia Atlético. O C.D.Palmés é o único equipo que conseguiu manter o ritmo dos ourensanistas.

A falta de dúas xornadas unha vitoria dos locais lle daría o título honorífico de "Campión de Inverno", un empate ou unha vitoria dos visitantes dexariao pendente para a última xornada da primeira volta, que non se disputará ata o 11 de xaneiro do próximo ano.

Antonio Dacosta tivo moitos problemas para confeccionar a convocatoria e o once inicial. E non por ter baixas e non dispor de todos os efectivos, senón por todo o contrario, xa que ten aos 23 xogadores á súa disposición. A mágoa é que tan só poden xogar 11 e ir ao banco outros cinco, quedando sete xogadores fóra da convocatoria, neste partido tan especial. Sen dúbida que todos merecían xogar este encontro, polo seu compromiso e polas gañas que lle botan en cada partido, pero lamentablemente Antonio Dacosta tivo que escoller a 16 que son: Adolfo, Cristian, Diego Soto, Fran Álvarez, Héctor, Julio Álvarez, Julio Salgado, Lucas Nieto, Ramón Dacosta, Roberto Almeida, Roberto Dacosta, Santi, Valderas, Víctor, Xaco e Xurxo.

O once máis probable que pise o estadio de O Couto por primeira vez na historia da U.D.Ourense sería o formado por: Héctor na portería (tócalle na rotación con Cristian); Julio Álvarez, Xurxo, Ramón Dacosta e Lucas Nieto na defensa; Fran Álvarez e Diego Soto no centro do campo; Xaco, Roberto Dacosta e Roberto Almeida na liña de tres cuartos e como punta de lanza Julio Salgado. O único troco no once que venceu en Parada do Sil por 0-7 e o de Julio Salgado por Chechu no eixo do ataque. Adolfo, que volve tras superar unha lesión que o tivo varios partidos alonxado dos terreos de xogo, compartirá banco con Cristian, Víctor, Valderas e Santi.

O domingo ás 16,00 horas todos ao Couto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario