domingo, 28 de septiembre de 2014

Sufrida vitoria sobre o Ribadavia At. por 2-1


Cheo nos Remedios. Foto Jesús Regal (Faro de Vigo)
A Unión Deportiva Ourense logrou a súa terceira victoria consecutiva. Esta vez sen goleada. Foi pola mínima ante un bo Ribadavia Atlético que a piques estivo de sorprender aos ourensanistas.

Pódese dicir que este foi o partido das ausencias. Os ourensanistas non puideron contar con Lucas Nieto, Fran Álvarez e Diego Soto (o que fixo que o once inicial tivera bastantes novidades) e os do Ribeiro tamén chegaron con baixas por mor da vendimia.
Non sempre se pode gañar por goleada. Os rivais tamén xogan e as veces os partidos complícanse como ocurriu onte. Algo que non parecía que poidera ocurrer cando Roberto Almeida abriu o marcador aos cinco minutos tras gran xogada e asistencia de Julio Salgado. Todo indicaba unha nova victoria holgada dos locais.

Sen embargo todo se complicou aos 26 minutos co gol do empate logrado por Lucas ao superar na súa saída a Cristian, sustituto de Héctor nesta xornada. A pesares do gol os ourensanistas seguiron dominando o encontro e creando claras ocasións de gol que non atoparon a rede. Non era a mellor tarde rematadora dos homes de Antonio Dacosta.

Co empate no marcador chegouse ao descanso onde o técnico local recompuxo o equipo. Fixo un cambio entrando Chechu por Toni e moveu as restantes pezas. Roberto Almeida e Adolfo pasaron a xogar no medio centro, Víctor Arias ao lateral dereito enviando a Julio Álvarez á outra banda, Cristian Fernández pasou a interior dereito e Xaco á banda esquerda, pasando Chechu a xogar na dianteira xunto a Julio Salgado.

Con este trocos intensificouse o dominio local. Segundo pasaban os minutos o Ribadavia metíase máis atrás e as xogadas de perigo multiplicábanse sobre a portería de Toni. Nunha delas chegou a xogada que propicio o gol da vitoria. Ramón Dacosta profundizou pola banda esquerda e o seu centro foi cortado pola man por un defensor visitante. O correspondente penalti foi transformado con maestría por Adolfo, era o minuto 63 de partido.

Os ourensanistas seguiron buscando o gol da tranquilidade pero onte o balón resistíase a entrar na portería visitante. Ao final 2-1 e tres novos puntos que nos permiten seguir unha xornada máis como líderes, empatados a puntos con Barra de Miño e Palmés que tampouco ceden.

Alineación da U.D.Ourense: Cristian; Julio Álvarez, Xurxo, Dacosta, Adolfo (Dani Malvido, 77´); Víctor Arias (Alberto, 57´), Cristian Fernández (José Ángel, 66´); Xaco, Roberto Almeida, Toni (Chechu, 46´) e Julio Salgado.

GOLES:

1-0 (5´): Roberto Almeida
1-1 (26´): Lucas
2-1 (63´): Adolfo de penalti

sábado, 27 de septiembre de 2014

Ribadavia At., visítanos un histórico



O domingo dende as 17,30 horas recibiremos no campo "Miguel Ángel" dos Remedios a un histórico do fútbol provincial, o Ribadavia Atlético. O clube da capital do Ribeiro, fundado en 1967, foi un clásico da Serie A (hoxe Preferente Autonómica) nas décadas dos 60, 70 e 80. A partires dos 90 entrou nunha profunda crise da que tenta saír esta tempada. A entrada de xente nova na directiva estalle a dar un impulso importante ao clube, que esperan que remate co equipo na Segunda Autonómica, o seu obxectivo a corto prazo.

Ambos equipos xa se mediron na pretempada nun amigable disputado no Xestal, campo da fermosa vila ribadaviense. Venceron os ourensanistas por 0-3. Un resultado claro pero que foi moi traballado, chegando os dous últimos goles na recta final do encontro. O Ribadavia demostrou nese partido que non será un rival doado.

Antonio Dacosta afronta o partido con dúas baixas moi importantes. Os dous mediocentros titulares, Fran Álvarez e Diego Soto, non estarán na convocatoria por motivos persoais. Tampouco serán da partida Fabio (que segue arrastrando problemas físicos), Jorge e Santi por motivos persoais, a nova fichaxe David Valderas e Dani Malvido por decisión técnica. Xa que logo a convocatoria está formada por: Adolfo, Alberto, Cristian, Cristian Fernández, Dacosta, Chechu, Héctor, José Ángel, Julio Álvarez, Julio Salgado, Lucas Nieto, Roberto Almeida, Toni, Víctor Arias, Xaco e Xurxo.

No once inicial haberá varios trocos con respecto ao equipo que goleou ao Peroxa B o pasado domingo por 0-7. Na portería debutará Cristian, como xa adiantara Antonio Dacosta na súa intención de rotar aos dous porterios; Julio Álvarez recupera o seu posto no lateral dereito e no centro do campo farán parella inédita Víctor Arias e Cristian Fernández, este último estreando titularidade. O once de saída será: Cristian; Julio Álvarez, Xurxo, Dacosta, Lucas Nieto; Víctor Arias, Cristian Fernández; Xaco, Roberto Almeida, Adolfo e Julio Salgado. Esperarán a súa oportunidade no banco Héctor, Alberto, José Ángel, Chechu e Toni.

Pola súa bando o Ribadavia Atlético afronta o partido con varias baixas por mor da vendimia, unha actividade consustancial á zona do Ribeiro, chegando a barallarse a suspensión do partido ou o troco para o sábado. Xa a semana pasada as actividades agrícolas lle pasaron factura ante o Barra de Miño, caendo derrotados por 0-2. Maikel, adestrador do Ribadavia At., confirmounos que se achegarán a Ourense con tan só 13 xogadores, aínda menos que a xornada pasada onde estiveron 14 homes. Unha nova derrota en Ourense deixaría ao equipo adestrado por Maikel lonxe da parte alta da clasificación, o seu obxectivo esta tempada.

Resumo da rolda de prensa sobre a campaña de Establecementos colaboradores, Xogador do mes e outros temas


Celebrouse unha rolda de prensa no Centro Cultural Marcos Valcárcel na que se deron a coñecer novas campañas e actividades da Unión Deportiva Ourense no seu afán por seguir traballando na busca de recursos e da implicación da cidade co clube.

En primeiro lugar presentouse a campaña "Establecemento colaborador" dirixida fundamentalmente aos comercios e establecementos hosteleiros da cidade, sen esquecernos dos do resto da provincia que temán están convidados a participar.

Establécense tres tipos de colaboración:

ESTABLECEMENTO COLABORADOR BRONCE: Recibirá unha pegatina de vinilo indicando que o establecemento colabora coa U.D.Ourense e unha bufanda ou un póster do equipo. A cantidade a pagar sería de 20 €

ESTABLECEMENTO COLABORADOR PRATA: Ademáis do que recibe o da categoría Bronce corresponderalle un abono a nome do establecemento. Prezo: 50 €

ESTABLECEMENTO COLABORADOR OURO: Ademáis do incluído na categoría Prata publicitarase na páxina principal web oficial do clube. Prezo: 100 €

Os establecementos colaboradores tamén recibirán a revista oficial do clube.

A continuación falouse da web e da revista do clube. Estase traballando en ambos proxectos para telos listos o máis axiña posible.

Tamén se presentou o evento XOGADOR DO MES. Os afeccionados serán os encargados de escoller ao mellor xogador do mes da Unión Deportiva Ourense a través da web. Ao xogador elexido se lle entregará un trofeo no local do patrocinador do evento.

Por último presentouse ao primer patrocinador do clube: a empresa de aparellos elevadores OURENLIFT, estando presente como representante da empresa D. José Manuel Martínez Pérez.

jueves, 25 de septiembre de 2014

David Valderas novo xogador da Unión Deportiva Ourense


Confirmouse a fichaxe de David Valderas Domarco pola Unión Deportiva Ourense. Valderas é un xogador nado fai 27 anos en Ourense e que xoga de medio centro, aínda que unha das súas virtudes é a polivalencia, o que lle permite adaptarse a outros postos coma o de central.

Valderas iniciouse nas categorías inferiores do Pabellón. Pasando tamén pola Ponte, Barbadás, Valenzá e Ourense B. Despois xogou no Covadonga, onde militou a maior parte da súa carreira, e a tampada pasada pasou por varios equipos acabando a mesma xogando no Entrimo da Segunda Autonómica.

Agora inicia unha nova etapa na Unión Deportiva Ourense que esperemos sexa productiva para ambas partes. Por motivos laborais David Valderas quizáis non poda debutar ata dentro dun par de semanas. Desexámoslle toda a sorte do mundo.


miércoles, 24 de septiembre de 2014

Horarios partidos fin de semana


3ª AUTONÓMICA - 3ª xornada: U.D.Ourense - Ribadavia At.: Domingo 28 de setembro ás 17,30 h. - Campo "Miguel Ángel" Os Remedios

1ª AUTONÓMICA XUVENIL - 3ª xornada: U.D.Ourense - Velle: Domingo 28 de setembro ás 12,00 h. - Salesianos

1ª AUTONÓMICA CADETE - 3ª xornada: Ourense C.F. - U.D.Ourense: Domingo 28 de setembro ás 12,00 h. - Oira

O equipo Infantil descansa esta xornada.

Sinalar que o equipo Xuvenil xogará o mércores día 1 de outubro o partido aprazado da primeira xornada ante o Ourense C.F. ás 19,30 horas en Oira.

lunes, 22 de septiembre de 2014

Palmés e Barra de Miño manteñen o ritmo da U.D.Ourense

Foto Iñaki Osorio (Faro de Vigo)

Os tres equipos comandan a clasificación con seis puntos, fixeron pleno nas dúas xornadas disputadas, aínda que a Unión Deportiva Ourense é líder pola mellor diferencia de goles (levamos 15 anotados e ningún encaixado).

O Palmés goleou ao Spórting Carbilliño por 4-1 no Cruceiro, aínda que non resolveu o partido ata a recta final do partido con dous goles de Jonatan González. Pola súa banda o Barra de Miño venceu no Xestal ao Ribadavia At. por 0-2, nun encontro entre dous equipos que parten como favoritos para o ascenso.

Na cuarta posición sitúase o Salamonde tras empatar sen goles fronte ao Arcos na Uceira do Carbilliño.O Salamonde aínda non encaixo ningún gol nos dous partidos disputados.

Pechan a clasificación sen puntar Os Chaos, Peroxa B e Razamonde. O equipo de Amoeiro vendeu cara a derrota na Penafita ante o Piñor (1-2) chegando o gol do triunfo visitante no minuto 81. Por diferencia de goles o pechacancelas é o Athlétic Razamonde que perdeu no se campo ante o Castrelo de Miño por 2-3, nun partido con moitas alternativas que comezou gañando o Razamonde.

Hai que destacar nesta xornada que dos sete partidos cinco finalizaron con victoria visitante, xa que aos sinalados anteriormente hai que sumar a vitoria da U.D.Ourense na Peroxa por 0-7 e a do Cenlle no campo do Loureiro por 1-3.

RESULTADOS E CLASIFICACIÓN XORNADA 2



Primeira saída, primeira vitoria: A Peroxa B, 0 - U.D.Ourense, 7


Enorme afección. Foto: Iñaki Osorio (Faro de Vigo)
Despois do exitoso inicio ligueiro coa victoria por 8-0 sobre Athlétic Clube Razamonde había expectación por ver a Unión Deportiva Ourense por primeira vez a domicilio. Centos de afeccionados ourensanistas desplazáronse ata A Peroxa para asistir ao estreno como visitante do equipo adestrado por Antonio Dacosta. Non defraudaron os ourensanistas, logrando una ampla vitoria por 0-7 no campo do Marco.

Unha nova goleada lograda a base de paciencia e bo fútbol. Os locais, un equipo xove e con moitas gañas, saiu presionando en campo contrario dende o principio. Esta presión entorpeceu nos primeiros compases do partido o xogo de toque da Unión, provocando algúns erros nos pases e evitando que o dominio visitante se traducira en ocasións claras de gol.

Pouco a pouco a calidade dos ourensanistas foise impoñendo e Roberto Almeida abriu o marcador aos 28 minutos, como xa fixera no partido inaugural ante o Athlétic Razamonde. A piques de rematar a primeira metade Fran Álvarez puxo o 0-2 nunha xogada que comezara cun roubo seu na medular.

O partido rematou na xogada inicial da segunda metade. Julio Salgado foi obxecto dun claro penalti por parte do porteiro local que Adolfo se encargou de transformar. O 0-3 foi un golpe mortal para os estusiastas xogadores do Peroxa B. A partires dese momento a Unión Deportiva Ourense manexou con facilidade o partido logrando outros catro goles.

Chechu, Toni (un golazo o seu para pechar a conta) e Julio Salgado estrearonse como goleadores en liga. Mención especial para o dianteiro centro Julio Salgado. A súa pelexa constante viuse recompensada co seu primeiro gol, algo que se lle negou ante o Razamonde pero do que era merecedor con creces. Antes Adolfo puxera o 0-5 no marcador tras unha enorme xogada persoal pola súa banda.

Tamén destacar ao porteiro Héctor. Se ante o Razamonde pasou desapercibido ante o Peroxa B tivo que intervir en varias ocasións, conseguindo deixar, de novo, a súa porta a cero.

Destacar a comunión entre afección e xogadores, algo vital nesta Unión Deportiva Ourense. Un clube que non sería posible sen este apoio constante.

Xogaron pola Unión Deportiva Ourense: Héctor; Víctor Arias (Dani Malvido, 63´), Xurxo, Ramón Dacosta, Lucas Nieto; Fran Álvarez (Alberto, 60´), Diego Soto; Xaco (Toni, 46´), Roberto Almeida (Chechu, 46´), Adolfo e Julio Salgado.

GOLES:

0-1: Roberto Almeida (28´)
0-2: Fran Álvarez (44´)
0-3: Adolfo de penalti (46´)
0-4: Chechu (52´)
0-5: Adolfo (69´)
0-6: Julio Salgado (76´)
0-7: Toni (85´)

sábado, 20 de septiembre de 2014

Previa do Peroxa B - U.D.Ourense


O domingo a partires das 19,00 horas a Unión Deportiva Ourense terá a súa primeira cita como visitante no campionato de liga. Será no campo do Marco ante o Peroxa B. Un rival que na primeira xornada de liga caeu en Barra de Miño por 2-1, cun gol nos últimos minutos cando estaban con dez xogadores, por expulsión de José M. Fiuza, un dous seus mellores homes e que será baixa ante o Ourense.

Antonio Dacosta, adestrador dos ourensanistas, deu a seguinte lista de convocados: Adolfo, Alberto, Chechu, Cristian, Dacosta, Dani Malvido, Diego Soto, Fran Álvarez, Héctor, Julio Salgado, Lucas Nieto, Roberto Almeida, Toni, Víctor Arias, Xaco e Xurxo.

Con respecto á xornada pasada causan baixa na convocatoria Cristian Fernández con molestias e Julio Álvarez que non puido adestrar ao longo da semana. Pola súa banda entran Dani Malvido e Toni. Tampouco estará na Peroxa Fabio por problemas físicos.

Xa que logo tan só está previsto un troco na once inicial con respecto ao que goleou ao Atlhétic Razamonde o domingo pasado. No lateral dereito entrará Víctor Arias por Julio Álvarez sendo os restantes dez os mesmos: Héctor; Victor Arias, Xurxo, Dacosta, Lucas Nieto; Fran Álvarez, Diego Soto; Xaco, Roberto Almeida, Adolfo e Julio Salgado. No banco esperarán a súa oportunidade Alberto, Dani Malvido, Toni, Chechu e o porteiro Cristian.

Por certo Antonio Dacosta adiantounos que, debido a o gran traballo que están a desenvolver, ten decidido alternar na portería a Héctor e Cristian, xogando dous partidos cada un deles, un na casa e outro fóra. Un xeito de premiar o traballo destes xogadores.


viernes, 19 de septiembre de 2014

Video sobre o noso clube

Manu Mosquera, colaborador infatigable da Unión Deportiva Ourense, deixanos este video sobre o noso clube. Del sacamos unha boa reflexión: "Para poder seguir, ás veces, hai que empezar de novo", sen esquecer que #ourensesomosnos.

miércoles, 17 de septiembre de 2014

Horarios dos partidos da U.D.Ourense para este fin de semana

Xa coñecemos os horarios para os distintos equipos que integran a Unión Deportiva Ourense. O primeiro equipo xogará na Peroxa ante o equipo B o domingo ás 19,00 horas. Pola súa banda debutan dous equipos da canteira. Ambos xogarán o sábado. O cadete de 1ª autonómica xogará ante o Pabellón B nos Remedios ás 17,30 horas, mentras que o infantil de 1ª autonómica tamén visitará ao Pabellón B as 10,15 horas. O equipo xuvenil de 1ª autonómica descansa esta semana.

TERCEIRA AUTONÓMICA: A Peroxa B - U.D. Ourense (domingo 21 de setembro as 19,00 horas)
CADETE 1ª AUTONÓMICA: Pabellón B - U.D. Ourense (sábado 20 de setembro as 17,30 horas)
INFANTIL 1ª AUTONÓMICA: Pabellón B - U.D. Ourense (sábado 20 de setembro as 10,15 horas)

domingo, 14 de septiembre de 2014

Gran estreno ligueiro da U.D.Ourense, 8-0 ao Ath. Razamonde

Ambiente sensacional na goleada do Ourense

Inmellorable estreno na competición de liga da Unión Deportiva Ourense. Todo saiu á perfección. Fenomenal ambiente no campo "Miguel Ángel" dos Remedios, coa tribuna totalmente chea; gran partido do equipo con goleada incluída e liderato. Ogallá sexa o preludio dunha tempada chea de éxitos no deportivo e no institucional.

Hoxe demostrouse que os seareiros do tristemente desaparecido Clube Deportivo Ourense estamos coa Unión Deportiva Ourense. O colorido e animación da grada así o certificaron. O proxecto da Unión Deportiva Ourense segue avanzando e medrando, pese a quen lle pese. Co apoio da afección non hai meta imposible, pero cómpre ir amodiño. E o primeiro obxectivo era gañar o primeiro partido de liga ante o Athlétic Clube Razamonde.

Un obxectivo que se logrou de forma sobrasaínte cunha goleada que non deixa lugar a dúbidas. Dende o pitido inicial viuse que a Unión Deportiva Ourense era moi superior a un rival que chegou aos Remedios coa única intención de non saires goleado, algo que finalmente non conqueriron, colocando a todos os seus efectivos no seu  propio campo coa misión de tapar ocos e impedir as chegadas dos locais.

O Ourense monopolizou o balón durante todo o encontro, sen deixar opcións en ataque aos visitantes que non fixeron intervir a Héctor ao longo dos 90 minutos. A base de posesión, paciencia e mobilidade para buscar ocos no entramado defensivo visitante foron caendo os goles ata o 8-0 final.

A primeira metade xa rematou cun concluínte 4-0 que fixo da segunda metade un trámite que os dous equipos cumpliron con dignidade. As ocasións de perigo sucediánse diante da portería de ------, e os goles caían polo seu propio peso. Xaco e Xurxo, ambos en tres ocasións, e Roberto Almeida en dúas (tivo a honra de ser o primeiro goleador en liga da historia da Unión) foron os goleadores dun partido histórico polo que significa para a Unión Deportiva Ourense e a súa afección.

Dentro do bo partido en xeral dos ourensanistas destacar a labor de Xurxo, impecable en defensa e un perigo cando se incorporou ao ataque, anotando tres goles, que non está nada mal para un zagueiro, e de Xaco, un puñal pola banda que sembrou o pánico na defensa do Razamonde, anotando tres goles e creando perigo en cada acción. Sen esquecer aos medios Fran Álvarez e Diego Soto que souperon mover ao equipo con criterio e buscar ocos na pechada defensa dos visitantes, totalmente repregados no seu campo.

Pola Unión Deportiva Ourense xogaron: Héctor; Julio Álvarez (Alberto, 58´), Dacosta (Víctor Arias, 51´), Xurxo, Lucas Nieto; Fran Álvarez (Cristian Fernández, 58´), Diego Soto; Xaco, Roberto Almeida, Adolfo e Julio Salgado (Chechu, 51´).

GOLES:

1-0: Roberto Almeida (14´)
2-0: Xurxo (31´)
3-0: Xaco (32´)
4-0: Xaco (36´)
5-0: Roberto Almeida (60´)
6-0: Xurxo (68´)
7-0: Xaco (74´)
8-0: Xurxo (85´)

viernes, 12 de septiembre de 2014

O domingo quedada dos seareiros antes do partido co Razamonde


O domingo é unha data especial. A Unión Deportiva Ourense disputará o seu primeiro partido de liga da súa historia. Terá como rival ao Athlétic Clube Razamonde. Trátase dun partido especial e por iso a Unión Deportiva Ourense quere convocar a todos os seus seareiros a unha quedada na cafetería Pabellón a partires das 15,00 horas.

O obxectivo desta iniciativa e agradecerlle a xogadores e corpo técnico, xusto antes deste histórico encontro, a implicación que están a demostrar con este proxecto, polo que lle estaremos eternamente agradecidos. A comunión entre afección e xogadores ten que ser total para, entre todos, levar a Unión Deportiva Ourense ás cotas máis altas posibles. O recibimento realizarase sobre as 15,30 horas aproximadamente.

Tamén queremos lembrar que durante esta quedada os que o desexen poden facerse socios ou abonados da Unión Deportiva Ourense. Este clube medrará á par da súa masa social, por iso necesitamos o apoio de todos os afeccionados, sen ese apoio non somos nada.

Por último informar que, por motivos alleos á Unión Deportiva Ourense, este domingo non haberá servizo de bar durante o partido. Para paliar esta situación a cafetería Pabellón estará aberta, establecemento que está a colaborar co clube, o que aproveitamos para agradecerllo.

miércoles, 10 de septiembre de 2014

Convenio coa U.D. Barbadás


A Unión Deportiva Barbadás e a Unión Deportiva Ourense asinaron un convenio de colaboración entre as dúas entidades. O acto protocolario tivo lugar no Centro Comercial Ponte Vella onte as 20,00 horas.

Con este convenio búscase favorecer aos socios e abonados de ambos clubes con descontos do 50% en caso de acudir aos partidos do outro equipo ou de facerse abonado dos mesmos.

Asimesmo ambos clubes prestaranse colaboración na disputa de partidos amigables e participación en torneos, e colaborarán na organización de actos sociais que redunden en beneficio dos máis desfavorecidos.

No último punto do convenio sinálese que os dous clubes tratarán de non coincidir na mesma data e hora nos seus partidos como locais, na medida do posible.

domingo, 7 de septiembre de 2014

A U.D.Ourense gaña o amigable en Ribadavia por 0-3

Foto: Iñaki Osorio - Faro de Vigo

Co partido de onte ante o Ribadavia Atlético, disputado no Xestal, a Unión Deportiva Ourense deu por finalizada a pretempada. Fixoo con boa nota despois de gañar por un claro 0-3 aos locais, clube que está encadrado no mesmo grupo que os ourensanistas.

Os homes de Dacosta dominaron o encontro pero non conseguiron abrir o marcador ata a segunda metade. Foi Adolfo o que inaugorou o marcador no minuto 56. Na recta final do partido Toni (78´) e Fran Álvarez (83´) situaron o 0-3 definitivo.

Alineación da Unión Deportiva Ourense: Héctor; Cristián Fernández, Fabio, Ramón Dacosta, Lucas Nieto; Fran Álvarez, Diego Soto; Xaco, Dani Malvido, Adolfo e Santi. Na segunda metade tamén xogaron Chechu, Toni, Jose, Alberto e o porteiro Cristian.

Boas sensacións dos ourensanistas que esperan con ilusión o comezo da liga, que terá lugar o vindeiro domingo, dia 14 de setembro, ante o Athlétic Clube de Razamonde no campo "Miguel Ángel" dos Remedios as 17,00 horas.

lunes, 1 de septiembre de 2014

Un partido para a historia: U.D.Ourense, 3 - Sta. Teresita, 1


Foto: Santi M. Amil (La Voz de Galicia)
Onte escribiuse no campo "Miguel Ángel" dos Remedios a primeira páxina da, esperemos que longa i exitosa, historia da Unión Deportiva Ourense, o clube que recolle e aglutina o sentimiento ourensanista e aos seareiros do sempre recordado Clube Deportivo Ourense. Celebrouse o primeiro partido oficial do clube, correspondente á primeira eliminatoria da Copa Deputación B, que tivo como rival ao Santa Teresita de Segunda Autonómica.

E esta primeira páxina non puido ser máis brillante: triunfo por 3-1 e clasificación para a seguinte ronda, gran entrada e impresionante ambiente. Agora só queda seguir crecendo día a día e partido a partido (como diría o "Cholo" Simeone") en todos os ámbitos do clube.

A forte calor marcou un partido que moi pronto se puxo de cara para a Unión Deportiva Ourense. No minuto 3 Adolfo, capitán e histórico ex xogador de Clube Deportivo Ourense, entrou na historia do novo clube ao marcar o primeiro gol da súa curta existencia. O seu disparo de longa distancia colouse pegado ao poste e os numerosos afeccionados estouparon nun berro que misturaba ledicia e añoranza.

O 2-0 chegou chegou no minuto 37 ao resolver o central Xurxo, outro ilustre ex ourensanista, cun bo remate o lanzamento dun córner. De novo os berros de "Ourense, Ourense" e os cánticos da afección lembraron á toda a cidade quen somos nós.

Ao comezo da segunda metade o Santa Teresita acortou distancia por medio de Miguel Estévez, dándolle emoción ao encontro. Tras uns minutos de incertidumbre o Ourense volveu a coller o mando do partido, sentenzando o mesmo no minuto 82 cun gol de Xaco, que se internou na área e batiu ao porteiro visitante cun potente remate.

Os ánimos e cánticos arreciaron nos Remedios. O "Ourense somos nós" chegou a todos os puntos da cidade de forma alta e clara, por se alguén aínda non se enterou o non se quixo enterar.

A primeira alineación en partido oficial que dispuxo Antonio Dacosta estivo formada por Héctor na portería; Julio Álvarez e Lucas Nieto nos laterais; Ramón Dacosta e Xurxo como centrais; Fran Álvarez e Diego Soto no centro do campo; Xaco e Adolfo nas bandas; Roberto Almeida na mediapunta e Julio Salgado na punta do ataque.

Tamén xogaron Víctor Arias (sustituiu a Fran Álvarez no minuto 46), Fabio (entrou por Xurxo no 62), Cristian Fernández (por Julio Salgado no 68) e Daniel Malvido (entrou por Lucas Nieto no 71).