domingo, 28 de diciembre de 2014

Sufrida vitoria en Loñoá (0-1) e adiante na Copa

Foto Iñaki Osorio (Faro de Vigo)

A Unión Deportiva Ourense conseguiu o pase á seguinte ronda da Copa Deputación B tras vencer por 0-1 ao Loñoá no campo da Carabina, que rexistrou unha gran entrada con centos de afeccionados ourensanistas que sufriron durante o partido e disfrutaron co triunfo do seu equipo.

Non foi un partido sinxelo nin cómodo para a Unión Deportiva Ourense, que aproveitou a ocasión para estrear a segunda equipación, e tivo que empregarse a fondo para derrotar ao Loñoá, un equipo (non nos esquezamos) de categoría superior. Os homes de Antonio Dacosta intentaron practicar o seu xogo de sempre, pero case nunca o conseguiron. Os xogadores do Loñoá empregáronse sen concesións de ningún tipo, incluso a veces con excesivo ímpetu, dificultando o xogo visitante.


O balón duraba pouco nos pés dos dous equipos, e as ocasións de gol escaseaban. Sen embargo, na primeira aproximación á porta por parte da Unión chegou o único gol do partido. Roberto Dacosta caracoleu co balón rodeado de contrarios, enviou un gran pase a Adolfo, situado no extremo esquerdo, que tocou de primeiras de cabeza para que Julio Salgado fusilara ao porteiro local.

O resto do primeiro tempo transcurriu sen apenas ocasións de gol. Outro remate de Julio Salgado e un chut de Xaco que o porteiro local conseguiu atallar, máis tres córners botados de forma consecutiva foron todo o bagaxe atacante do Ourense. O Loñoá buscou a portería de Héctor con remates dende fóra da área que non inquietaron ao porteiro visitante.

Na segunda metade o Ourense controlou o partido ata o tramo final, aínda que non tivo moitas ocasións de gol. A mellor foi un disparo de Julio Salgado que pasou lambendo o poste da portería do Loñoá. Coa eliminatoria perdida, o Loñoá buscou o empate nos últimos minutos a base de balóns en largo que case sempre foron rexeitados sen excesivas complicacións pola liña defensiva do Ourense. No último minuto do partido chegaría a mellor ocasión do partido para os locais, que foi frustada por Héctor nunha gran dobre intervención.

Sufrida vitoria da Unión nun campo moi complicado ante un rival que non regalou nada. Na seguinte ronda o rival será o Caldelao, tamén de 2ª Autonómica, que deixou na cuneta ao Trives (3-1). A eliminatoria tamén será a partido único, aínda que nesta ocasión disputarase no feudo ourensanista.

Alineación da U.D.Ourense: Héctor; Julio Alvarez, Xurxo, Ramón Dacosta, Lucas Nieto;  Fran Álvarez, Roberto Almeida (Chechu, 60´); Xaco, Roberto Dacosta (Victor Arias, 65´), Adolfo (Alberto, 85´) e Julio Salgado (Santi, 80´).

Goles:

0-1 (10´): Julio Salgado

No hay comentarios:

Publicar un comentario