lunes, 22 de diciembre de 2014

Festa rachada no Couto, 7-1 ao Palmés

Extraordinario aspecto da Tribuno do Couto

O fútbol voltou ao Couto da man da Unión Deportiva Ourense, e non o puido facer dun xeito mellor. Coa tribuna prácticamente chea (preto de 1.800 persoas se achegaron ata o Couto) os homes de Antonio Dacosta deron todo un recital de fútbol ante o Club Deportivo Palmés, segundo clasificado sen coñecer a derrota, ao que golearon por un contundente 7-1 entre a ledicia dos seus afeccionados que tomaron como unha festa o regreso ao Couto.

A Unión Deportiva Ourense en seguida se adaptou ás amplas dimensións do Couto e dominou dende o principio ao Club Deportivo Palmés, cuxos xogadores tiveron moitos máis problemas para afacerse ao terreo de xogo.


Tan só necesitaron cinco minutos os ourensanistas para adiantarse no marcador. Roberto Dacosta en bonita xogada individual superou ao porteiro visitante levando o delirio as gradas. A superioridade local era total e só cabía esperar a que os goles foran chegando polo seu propio peso. No minuto 18 foi Lucas Nieto, está en gran forma o lateral esquerdo, o que fixo o segundo ao recoller un rexeite dun córner na frontal da área. O colofón a esta primeira metada chegou cun golazo de Roberto Dacosta no último minuto da mesma ao superar ao porteiro cunha espectacular vaselina.

Na segunda metade a festa continuo no campo e na grada. Julio Salgado facía o cuarto gol no minuto 51 ao recoller un rexeite do poste tras remate de Xaco. A goleada estaba encamiñada. Dos minutos despois o Palmés acortada distancias ao transformar Roque unha falta. Pouco lle importou á Unión, a maquinaria xa estaba a pleno rendemento e aínda chegaron tres goles máis. Con Adolfo situado na banda esquerda, sustituiu a Roberto Dacosta ao pouco de comezar a segunda metade, as chegadas á área visitante eran continuas.

O propio Adolfo converteu coa maestría habitual un penalti, Santi (que segue rentabilizando os seus minutos con goles) fixo o sexto cun remate de cabeza perfectamente teledirixido e Xaco (máximo goleador do equipo) pechou a conta tras asistencia de Roberto Almeida. 7-1 ao final demostrando que a Unión Deportiva Ourense é o equipo a batir.

Pechouse así unha gran tarde de fútbol. Os afeccionados da Unión Deportiva Ourense puideron disfrutar dun partido no Couto deixando claro que no fútbol non importan tanto as categorías senón os sentimentos. Con esta ilusión e esta afección só e cuestión de tempo que a Unión Deportiva Ourense chegue á categoría que a mala xestión económica lle fixo perder á cidade de Ourense.

Alineación da U.D.Ourense: Héctor; Julio Álvarez, Xurxo, Ramón Dacosta (Víctor, 53´), Lucas Nieto; Fran Álvarez (Valderas, 51´); Xaco, Roberto Dacosta (Adofo, 49´), Roberto Almeida; Julio Salgado (Santi, 56´).

Goles:

1-0 (5´): Roberto Dacosta
2-0 (18´): Lucas Nieto
3-0 (44´): Roberto Dacosta
4-0 (51´): Julio Salgado
4-1 (53´): Roque
5-1 (67´): Adolfo de penalti
6-1 (75´): Santi
7-1 (85´): Xaco


No hay comentarios:

Publicar un comentario