sábado, 22 de noviembre de 2014

Previa do Cenlle - U.D.Ourense

Campo Rúa Nova do C.D.Cenlle

Afrontamos a xornada número 11 visitando ao Cenlle. Os homes dirixidos por Antonio Dacosta buscarán a décima vitoria e seguir co pleno de triunfos. Enfrente terán a un rival que está loitando polos postos de ascenso e que tratará de ser o primeiro equipo que frene a racha dos ourensanistas.

Antonio Dacosta non poderá contar para este partido con Adolfo, Toni e Chechu que están lesionados. Tampouco estará Ramón Dacosta para non forzar a súa reaparición, nin Fabio por motivos laborais. Os que si volven á convocatoria son Diego Soto e Fran Álvarez unha vez recuperado da súa lesión.


Xa que logo formarán parte da convocatoria Alberto, Cristian, Cristian Fernández, Diego Soto, Fran Álvarez, Héctor, Julio Álvarez, Julio Salgado, Lucas Nieto, Roberto Almeida, Roberto Dacosta, Santi, Valderas, Víctor Arias, Xaco e Xurxo.

O once inicial máis probable que salte ao Rúa Nova será o formado por Héctor; Julio Álvarez, Alberto, Xurxo, Lucas Nieto; Valderas, Diego Soto; Xaco, Roberto Almeida, Roberto Dacosta e Julio Salgado. Destaca a volta de Diego Soto ao centro do campo e a primeira titularidade de Roberto Dacosta suplindo ao lesionado Adolfo. No banco agardarán a súa oportunidade Cristian, Cristian Fernández, Víctor Arias, Fran Álvarez e Santi.

O noso rival, o C.D.Cenlle, ocupa a quinta posición na clasificación a tres puntos do terceiro posto, ocupado polo Barra de Miño que precisamente venceu ao Cenlle a pasada xornada no campo do Tato por 3-0.

O Cenlle é un clube con moita historia no fútbol provincial. Tivo a súa época dourada na década dos 70, onde chegou a xogar na Serie A, actual Preferente Autonómica, na tempada 1972-73. Unha Serie A que equivaldría a 3ª división actual, xa que tan só tiña un grupo e xogaban nela equipos como o C.D.Lugo, actualmente na 2ª división do fútbol español.

No hay comentarios:

Publicar un comentario