sábado, 1 de noviembre de 2014

Partidazo en Barra de Miño


O domingo dende as 16,30 temos unha cita importante en Barra de Miño. Visitamos a outro dos favoritos para o ascenso de categoría. Un Barra de Miño que marcha no terceiro posto da clasificación con 15 puntos, con cinco vitorias e tan só unha derrota (en Piñor por 4-2) hai dúas xornadas, xa que a pasada descansaron.

O Barra de Miño será un rival de coidado. No fortín do Tato gañaron os tres partidos: 2-1 ao Peroxa B, 6-1 a Os Chaos e outro 6-1 ao Salamonde. Coñecen á perfección as pecularidades do seu pequeno terreo de xogo, onde tocará adaptarse ás reducidas dimensións e ao piso de terra.

Cando falamos do C.D. Barra de Miño estamos a falar dun histórico do fútbol provincial con 50 anos ás súas costas, efemérides celebrada o pasado mes de agosto cunha emotiva festa no campo do Tato.

Antonio Dacosta recupera para este importante partido ao dianteiro Julio Salgado despois de estar alonxado dos terreos de xogo durante dúas xornadas por unha lesión no tendón de Aquiles. E por outra banda perde ao medio Fran Álvarez lesionado nos compases iniciais do partido da pasada xornada ante o Piñor.

A alineación máis probable que xogará ante o Barra de Miño é a formada por Cristian na portería; Julio Álvarez, Xurxo, Dacosta e Lucas Nieto na defensa; Valderas e Diego Soto no mediocentro; Xaco e Adolfo nas bandas; Roberto Almeida na media punta e Julio Salgado como punta de lanza. No banco estarán Héctor como porteiro suplente, Alberto, Cristian Fernández, Dani Malvido e Chechu. Quedan fóra da convocatoria Fran Álvarez, Víctor Arias e Toni por lesión; Fabio e Santi recuperándose despois dun longo periodo de inactividade e José Ángel por decisión técnica.


No hay comentarios:

Publicar un comentario