sábado, 24 de enero de 2015

Recibimos ao Peroxa B instalados definitivamente no Couto

Así festexou a afección o triunfo da primeira volta. Foto Iñaki Osorio (Faro de Vigo)

Volta a Unión Deportiva Ourense ao Couto despois de máis dun mes sen pisalo, agora xa dun xeito definitivo ao asinarse o convenio entre o noso clube, a Xunta de Galicia e o equipo de Oira. Será o primeiro partido da segunda volta na casa e o rival o Peroxa B as 16,15 horas do domingo 25 de xaneiro.

O Peroxa B e un filial que está á alza. Leva cinco xornadas sen perder, con tres vitorias e dous empates. Comezaron moi mal o campionato con sete derrotas nas primeiras oito xornadas. Pouco a pouco o equipo, integrado por xogadores moi novos, foi mellorando as súas prestacións e agora aspira a transitar pola zona media da clasificación. Fóra do seu campo están obtendo bos resultados. De sete partidos xogados gañaron tres, empataron un e perderon outros tres. Lograron a vitoria en Castrelo de Miño (1-3), Amoeiro ante Os Chaos (0-1) e Salamonde (1-4). Non perden lonxe do seu campo dende o 26 de outubro cando foron derrotados polo Palmés por un axustado 5-4.


O partido disputado no campo do Marco na primeira volta saldouse coa vitoria ourensanista por 0-7. Foi o primeiro partido fóra da casa da Unión Deportiva Ourense onde estivo apoiada por unha grande cantidade de seareiros que encheron as gradas do campo do Marco. Naquel partido marcaron pola Unión Adolfo (2), Roberto Almeida, Fran Álvarez, Chechu, Julio Salgado e Toni.

Para este partido Antonio Dacosta aínda non poderá contar con Ramón Dacosta, Víctor Arias e Valderas. A boa nova e que os dous primeiros xa adestraron. Tamén causa baixa Fran Álvarez que se retirou o pasado domingo en Cenlle debido a molestias musculares e que terá para uns 15 días de baixa.  A convocatoria deseñada polo técnico ourensanista está formada por: Adolfo, Alberto, Cristian, Cristian Fernández, Chechu, Dani Malvido, Diego Soto, Héctor, Julio Álvarez, Julio Salgado, Lucas Nieto, Roberto Almeida, Roberto Dacosta, Santi, Xaco e Xurxo.

O once máis probable que salte ao terreo de xogo do Couto sería o formado por Cristian na porta; Julio Álvarez, Xurxo, Alberto e Lucas Nieto en defensa; Diego Soto e Roberto Dacosta no centro do campo; Xaco, Roberto Almeida e Adolfo na media punta e Julio Salgado como ariete.

No hay comentarios:

Publicar un comentario