jueves, 30 de abril de 2015

Dura fin de semana con visitas a At. Arnoia e Palmés

Imaxe da visita do Palmés ao Couto (Foto Carlos Domarco - Galiciadeportiva)

O calendario empínase para a Unión Deportiva Ourense. O que podíamos chamar o noso "Tourmalet" particular iníciase o venres, día 1 de maio, co partido de ida das semifinais da Copa Deputación B que se xogará a partires das 17,15 horas no  campo da Queixeira, ante o Atlético Arnoia; e que rematará o domingo, día 3 de maio, coa visita ao Cruceiro, onde espera o C.D.Palmés dende as 18,00 horas.

Dous compromisos durísimos nos que será necesario, máis que nunca, o apoio dos nosos seareiros. En menos de 48 horas xogarémonos obter un bo resultado na Copa para tentar clasificarnos para a final do Couto e manter as opcións de gañar todos os partidos da liga, emulando a Club Deportivo Ourense.

Comezando polo máis próximo, o partido ante o Atlético Arnoia será de máxima dificultade. Os do Ribeiro marchan cuartos no seu grupo da 2ª Autonómica, aínda que non están na loita polo ascenso debido a que Peroxa, Francelos e Maside escapáronse dende as primeiras xornadas. No seu campo de terra da Queixeira móstranse coma un equipo moi potente, onde tan só perderon tres partidos (Peroxa, Francelos e At. Velle).

A súa exitosa andaina na Copa Deputación cobrouse as seguintes vítimas: Cenlle (0-3), Arcos (5-2), Ribadavia At. (0-3) e Maside (2-2 e 2-3, global de 5-4). Non esquezamos que o At. Arnoia e o vixente campión da Copa Deputación B. A tempada pasada gañou na final ao Xunqueira de Ambía na tanda de penaltis.

Para este partido Antonio Dacosta non poderá contar cos defensas Ramón Dacosta e Fabio por motivos laboráis e Alberto lesionado ante o Sporting Carballiño. Xa que logo no centro da defensa xogará Valderas acompañando a Xurxo. Completarán a liña defensiva Héctor na porta e Julio Álvarez e Lucas Nieto nos laterais. No medio estarán Fran Álvarez e Diego Soto e en labores máis ofensivas Xaco, Roberto Dacosta, Roberto Almeida ou Adolfo (o capitán é dúbida debido as molestias que xa lle fixeron retirarse no partido ante o Parada de Sil) e Julio Salgado como punta de lanza. Completan a convocatoria o porteiro Juan, José Ángel, Chechu e Santi.

Obter un bo resultado en Arnoia é fundamental para tratar de meterse na final da Copa, que se disputará no Couto na fin de semana do 30 e 31 de maio.

E sen tempo de recuperación o equipo viaxará ata Palmés para intentar seguir co pleno de triunfos, lembrar que tan só quedan dous partidos para emular a fazaña de Club Deportivo Ourense na tempada 1967-68.

Non será nada doado, xa que a dificultade de xogar dous partidos moi seguidos engádese que o rival será o segundo clasificado, o Club Deportivo Palmés, tamén xa ascendido a 2ª Autonómica.

O Palmés fixo do seu campo, tamén de terra, do Cruceiro un auténtico fortín onde tan só deixou escapar tres puntos ante o Ribadavia Atlético (3-4) o resto todo vitorias. Son un equipo xove e rápido que buscará truncar a racha de triunfos da Unión Deportiva Ourense.

Antonio Dacosta pode recuperar para este partido a Ramón Dacosta e Fabio, sendo unha incógnita tanto a alineación como a convocatoria, xa que dependerá de como cheguen os xogadores despois do duro partido ante o At. Arnoia.

En suma, partidos de máxima dificultade no que compre, máis que nunca, o apoio dos seareiros, que seguro que non fallarán a tan importantes citas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario