sábado, 28 de marzo de 2015

A por outra vitoria en Castrelo

Partido da primeira volta. Foto Iñaki Osorio (Faro de Vigo)
A Unión Deportiva Ourense xoga este domingo a partires das cinco da tarde ante o Castrelo de Miño no campo de Macendo. Os ourensanistas viaxan na procura dunha nova vitoria que os acerque ao pleno de triunfos.

O partido xogarase no campo de Macendo (preme neste enlace para ver como se chega), unha parroquia do concello de Castrelo de Miño. Un terreo de xogo de terra que esixirá toda a atención dos homes de Antonio Dacosta para non verse sorprendidos. O Castrelo de Miño leva dous partidos seguidos empatando na casa: deu a sorpresa ante o Ribadavia At. (1-1) pero foi incapaz de superar ao Piñor (1-1). A semana pasada perdeu en Barra de Miño por 3-0.


Na primeira volta a U.D.Ourense conseguiu gañar por un contundente 12-0 nun partido disputado no campo dos Remedios con reivindicación do campo do Couto incluída. Xogouse con luz artificial e nese encontro debutaron Fabio, Santi e Roberto Dacosta, recén fichado. Julio Salgado anotou catro goles, Xaco tres, Lucas Nieto dous e Roberto Almeida, Santi e Alberto un cada un.

Para este partido son baixa por lesión Julio Salgado, Víctor Arias e Roberto Almeida, este último comezou a adestrar pero non convén arriscar neste partido. Fabio tamén é baixa por motivos laborais. Por outra banda Ramón Dacosta non forma parte da convocatoria, dándolle un merecido descanso Antonio Dacosta.

Xa que logo a lista de convocados estará formada por: Alberto, Adolfo, Cristian Fernández, Chechu, Diego Soto, Fran Álvarez, Héctor, José Ángel, Juan, Julio Álvarez, Lucas Nieto, Roberto Dacosta, Santi, Valderas, Xaco e Xurxo.

O once máis probable que salte ao campo de Macendo será o formado por: Héctor na porta; Julio Álvarez, Xurxo, Alberto e Lucas Nieto na defensa; Fran Álvarez e Diego Soto no centro do campo; Xaco, Roberto Dacosta e Adolfo na mediapunta e Chechu como home máis adiantado. No banco estarán Juan como porteiro suplente, José Ángel, Cristian Fernández, Valderas e Santi. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario