lunes, 2 de marzo de 2015

Nova vitoria que deixa o ascenso a tres puntos

Os máis pequenos no palco do Couto. Foto Jesús Regal (Faro de Vigo)

A Unión Deportiva Ourense venceu por 5-0 ao Salamonde, o que unido ao empate do Spórting Carballiño ante o Ribadavia Atlético (5-5) deixa o ascenso a tiro de pedra. Unha vitoria dos ourensanistas a próxima fin de semana ante o Piñor en Maside confirmaría de xeito matemático o ascenso á 2ª Autonómica, o primeiro obxectivo para esta tempada.

Polo que respecta ao partido de onte ante o Salamonde cumpliuse o guión esperado. Os homes de Antonio Dacosta dominaron de cabo a rabo o partido ante un equipo visitante que estivo ben plantado en defensa intentando encaixar os menos goles posibles.

O partido xa quedou encarrilado na primeira metade con tres goles. Aos 14 minutos inaugurou o partido Xurxo ao rematar de cabeza unha falta botada por Roberto Dacosta. Antes da media hora foi Adolfo o que batiu a Alfonso tras un centro dende a dereita de Xaco. Pechou o marcador nesta primeira metade Julio Salgado ao aproveitarse dun erro defensivo dos visitantes no minuto 34. Na segunda metade Chechu e Roberto Dacosta de falta directa redondearon o marcador.

Un pasiño máis que xa deixa o ascenso a un partido, e que permite seguir soñando co pleno de triunfos. A próxima fin de semana temos unha cita coa historia en Maside. Se logramos vencer ao Piñor celebraremos o primeiro ascenso da nosa historia.

Alineación da U.D.Ourense: Cristian; Julio Álvarez, Xurxo, Ramón Dacosta (Roberto Almeida, 46´), Lucas Nieto; Fran Álvarez (Valderas, 56´), Diego Soto; Xaco (Chechu, 59´), Roberto Dacosta, Adolfo e Julio Salgado (Santi, 56´).

GOLES:

1-0 (14´) Xurxo
2-0 (26´) Adolfo
3-0 (34´) Julio Salgado
4-0 (68´) Chechu
5-0 (85´) Roberto Dacosta

No hay comentarios:

Publicar un comentario