sábado, 27 de septiembre de 2014

Ribadavia At., visítanos un histórico



O domingo dende as 17,30 horas recibiremos no campo "Miguel Ángel" dos Remedios a un histórico do fútbol provincial, o Ribadavia Atlético. O clube da capital do Ribeiro, fundado en 1967, foi un clásico da Serie A (hoxe Preferente Autonómica) nas décadas dos 60, 70 e 80. A partires dos 90 entrou nunha profunda crise da que tenta saír esta tempada. A entrada de xente nova na directiva estalle a dar un impulso importante ao clube, que esperan que remate co equipo na Segunda Autonómica, o seu obxectivo a corto prazo.

Ambos equipos xa se mediron na pretempada nun amigable disputado no Xestal, campo da fermosa vila ribadaviense. Venceron os ourensanistas por 0-3. Un resultado claro pero que foi moi traballado, chegando os dous últimos goles na recta final do encontro. O Ribadavia demostrou nese partido que non será un rival doado.

Antonio Dacosta afronta o partido con dúas baixas moi importantes. Os dous mediocentros titulares, Fran Álvarez e Diego Soto, non estarán na convocatoria por motivos persoais. Tampouco serán da partida Fabio (que segue arrastrando problemas físicos), Jorge e Santi por motivos persoais, a nova fichaxe David Valderas e Dani Malvido por decisión técnica. Xa que logo a convocatoria está formada por: Adolfo, Alberto, Cristian, Cristian Fernández, Dacosta, Chechu, Héctor, José Ángel, Julio Álvarez, Julio Salgado, Lucas Nieto, Roberto Almeida, Toni, Víctor Arias, Xaco e Xurxo.

No once inicial haberá varios trocos con respecto ao equipo que goleou ao Peroxa B o pasado domingo por 0-7. Na portería debutará Cristian, como xa adiantara Antonio Dacosta na súa intención de rotar aos dous porterios; Julio Álvarez recupera o seu posto no lateral dereito e no centro do campo farán parella inédita Víctor Arias e Cristian Fernández, este último estreando titularidade. O once de saída será: Cristian; Julio Álvarez, Xurxo, Dacosta, Lucas Nieto; Víctor Arias, Cristian Fernández; Xaco, Roberto Almeida, Adolfo e Julio Salgado. Esperarán a súa oportunidade no banco Héctor, Alberto, José Ángel, Chechu e Toni.

Pola súa bando o Ribadavia Atlético afronta o partido con varias baixas por mor da vendimia, unha actividade consustancial á zona do Ribeiro, chegando a barallarse a suspensión do partido ou o troco para o sábado. Xa a semana pasada as actividades agrícolas lle pasaron factura ante o Barra de Miño, caendo derrotados por 0-2. Maikel, adestrador do Ribadavia At., confirmounos que se achegarán a Ourense con tan só 13 xogadores, aínda menos que a xornada pasada onde estiveron 14 homes. Unha nova derrota en Ourense deixaría ao equipo adestrado por Maikel lonxe da parte alta da clasificación, o seu obxectivo esta tempada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario