domingo, 14 de septiembre de 2014

Gran estreno ligueiro da U.D.Ourense, 8-0 ao Ath. Razamonde

Ambiente sensacional na goleada do Ourense

Inmellorable estreno na competición de liga da Unión Deportiva Ourense. Todo saiu á perfección. Fenomenal ambiente no campo "Miguel Ángel" dos Remedios, coa tribuna totalmente chea; gran partido do equipo con goleada incluída e liderato. Ogallá sexa o preludio dunha tempada chea de éxitos no deportivo e no institucional.

Hoxe demostrouse que os seareiros do tristemente desaparecido Clube Deportivo Ourense estamos coa Unión Deportiva Ourense. O colorido e animación da grada así o certificaron. O proxecto da Unión Deportiva Ourense segue avanzando e medrando, pese a quen lle pese. Co apoio da afección non hai meta imposible, pero cómpre ir amodiño. E o primeiro obxectivo era gañar o primeiro partido de liga ante o Athlétic Clube Razamonde.

Un obxectivo que se logrou de forma sobrasaínte cunha goleada que non deixa lugar a dúbidas. Dende o pitido inicial viuse que a Unión Deportiva Ourense era moi superior a un rival que chegou aos Remedios coa única intención de non saires goleado, algo que finalmente non conqueriron, colocando a todos os seus efectivos no seu  propio campo coa misión de tapar ocos e impedir as chegadas dos locais.

O Ourense monopolizou o balón durante todo o encontro, sen deixar opcións en ataque aos visitantes que non fixeron intervir a Héctor ao longo dos 90 minutos. A base de posesión, paciencia e mobilidade para buscar ocos no entramado defensivo visitante foron caendo os goles ata o 8-0 final.

A primeira metade xa rematou cun concluínte 4-0 que fixo da segunda metade un trámite que os dous equipos cumpliron con dignidade. As ocasións de perigo sucediánse diante da portería de ------, e os goles caían polo seu propio peso. Xaco e Xurxo, ambos en tres ocasións, e Roberto Almeida en dúas (tivo a honra de ser o primeiro goleador en liga da historia da Unión) foron os goleadores dun partido histórico polo que significa para a Unión Deportiva Ourense e a súa afección.

Dentro do bo partido en xeral dos ourensanistas destacar a labor de Xurxo, impecable en defensa e un perigo cando se incorporou ao ataque, anotando tres goles, que non está nada mal para un zagueiro, e de Xaco, un puñal pola banda que sembrou o pánico na defensa do Razamonde, anotando tres goles e creando perigo en cada acción. Sen esquecer aos medios Fran Álvarez e Diego Soto que souperon mover ao equipo con criterio e buscar ocos na pechada defensa dos visitantes, totalmente repregados no seu campo.

Pola Unión Deportiva Ourense xogaron: Héctor; Julio Álvarez (Alberto, 58´), Dacosta (Víctor Arias, 51´), Xurxo, Lucas Nieto; Fran Álvarez (Cristian Fernández, 58´), Diego Soto; Xaco, Roberto Almeida, Adolfo e Julio Salgado (Chechu, 51´).

GOLES:

1-0: Roberto Almeida (14´)
2-0: Xurxo (31´)
3-0: Xaco (32´)
4-0: Xaco (36´)
5-0: Roberto Almeida (60´)
6-0: Xurxo (68´)
7-0: Xaco (74´)
8-0: Xurxo (85´)

No hay comentarios:

Publicar un comentario