viernes, 15 de mayo de 2015

O sábado a Supercopa contra o Raio Alaricano


A Unión Deportiva Ourense ten a posibilidade de conquistar o seu segundo título da tempada. Disputará a Supercopa de 3ª Autonómica contra o campión do grupo 12, o Raio Alaricano. Será a primeira vez que se dispute este trofeo, auspiciado pola Delegación en Ourense da Federación Galega de Fútbol, e enfrontará a dous novatos no fútbol provincial, xa que ambos debutaron (con absoluto éxito) nesta tempada.

Os alaricanos foron claros campións do grupo 12 con seis puntos de vantaxe sobre o Carballeira, que xunto ao Vilardebós acompañarán aos alaricanos á 2ª Autonómica. De 20 partidos tan só cederon dous empates e dúas derrotas, o resto vitorias. Na Copa da Limia, disputada despois de finalizada a liga, caeron en semifinais ante o Allariz B na tanda de penaltis. Trátase dun moi bo equipo que virá ao Couto con moita ilusión de levarse a copa para Allariz.

Á falta do adestramento do venres Antonio Dacosta ten varias baixas no equipo. Xaco (mancado no partido ante o Loureiro), Adolfo con molestias e Fabio por motivos persoais non estará na final. Hoxe comprobarase o estado dos demais xogadores para facer a convocatoria. O once máis probable sería o formado por Héctor na porta; Julio Álvarez, Xurxo, Ramón Dacosta e Lucas Nieta na defensa; Valderas e Diego Soto na medular e Chechu, Roberto Dacosta, Roberto Almeida e Julio Salgado na vangarda.

No hay comentarios:

Publicar un comentario